Thursday 09 de May de 2024

Gonzalo Castro visita o expositor co que participa Hugo Gómez-Chao Porta en Arco 2024


O concelleiro da Área de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro, visitou esta mañá, acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, o expositor co que participa Hugo Gómez-Chao Porta na Feira Internacional de Arte Contemporáneo de España, Arco.

O proxecto ‘Ungüentos: Restos, rotos e remedios’ que desenvolveu o músico coruñés xunto aos seus compañeiros Raquel Buj e Abel Jaramillo é unha peza audiovisual baseada na complexidade ecolóxica das nosas pezas de vestir. As receitas dos ungüentos que Ovidio compendia en Cosméticos para o rostro feminino transfórmanse en pezas, segundas peles, a través da experimentación biomaterial reimaginando un horizonte estético máis aló do canon antropocéntrico da modernidade. A música está composta por Hugo a partir de fragmentos das súas obras “recitativo y aria” (2018) e “libro delle immagini” (2022/23), baseada na Metamorfos de Ovidio.

O Goberno de Inés Rey amosa o seu compromiso constante co sector cultural da cidade e cos artistas coruñeses e coruñesas. Froito desa colaboración, o Concello destinou o ano pasado 180.000 euros en axudas ao tecido artístico local, promovendo a creatividades no eido das artes escénicas, plásticas e musicais.